A Escola crease pola iniciativa da Sociedade de Socorros Mutuos “A Cooperativa” da que era presidente honorario Eduardo Chao. Tratábase dunha asociación de artesáns que facilitaba auxilio médico-farmacéutico aos seus asociados. “A Cooperativa” toma a iniciativa de crear unha Escola onde formar obreiros máis capacitados e cultos. Recolle así unha das vellas reivindicacións das sociedades obreiras e agrarias do século XIX, conscientes da necesidade de elevar o nivel de instrución das clases traballadoras en beneficio do desenvolvemento da cidade. A Escola ofrecía a posibilidade de aprender un oficio e promocionarse tecnicamente, adecuándose así ás exixencias dun mercado de traballo cada vez máis especializado. A Escola inaugúrase o 26 de setembro de 1886, a súa primeira sede será a antiga rúa do Circo, n. 3. Nos primeiros anos a Escola foi sostida enteiramente coas achegas persoais de particulares que non eran suficientes, por estas carencias económicas “A Cooperativa” decidiu entregar a titularidade da Escola ao Concello de Vigo no ano 1888.

 

As dificultades persisten e coa chegada do novo século entra na historia da Escola a figura de José García Barbón quen encarga ao arquitecto Michel Pacewicz o deseño dos edificios que na actualidade ocupa a Escola. O primeiro foi inaugurado o 23 de setembro de 1900 e o chamado “Edificio Anexo” o 16 de setembro de 1904. Ambos inmobles foron doados por García Barbón ao Concello de Vigo o 27 de outubro de 1904, esta doazón obriga ao Concello

“a facilitar nos edificios doados, ensinanza gratuíta para o obreiro e a muller e a soster nun deles ou nun local axeitado a biblioteca pública…”

 

Ao longo da súa historia a Escola de Artes e Oficios tivo unha contribución fundamental ao desenvolvemento da cidade. As súas aulas foron compartidas polos chamados alumnos obreiros e os alumnos estudantes. Foi tamén sede doutras escolas: a Escola Superior de Industrias, a Escola de Comercio, a Escola de Náutica, o Instituto de Segundo Ensino de Vigo, a Sociedade Filharmónica de Vigo, etc. As personalidades máis sobranceiras da cidade formaron parte do seu claustro de profesores, artistas, enxeñeiros, científicos, militares ou xuristas de prestixio deron as súas clases neste centro especializado na instrución dos obreiros. Os arquitectos que deron forma á nosa cidade, persoeiros da cultura e do xornalismo, profesionais da artesanía, prestixiosos mestres das primeiras letras… Todos eles pasaron pola Escola colaborando no extraordinario labor docente e social que esta levou a cabo. Tamén é salientable a achega á sociedade viguesa e xeral dos alumnos saídos das súas aulas, debuxantes, pintores, escultores, xornalistas, empresarios, enxeñeiros… Pero sobre todo, alí se formaron obreiros especializados nas artes e as industrias que forman o corpo sociolaboral da comarca: obreiros metalúrxicos, carpinteiros e ebanistas, canteiros, electricistas, comerciantes, mariñeiros, oficiais e mestres de obradoiro, peritos, modistas, secretarias e secretarios, empregados de oficinas, etc.

A Escola colaborou na preservación das artes e dos oficios da comarca, industrias tradicionais como o labrado da pedra, as navais e conserveiras, a da cerámica, a de ourivaría ou o labor do encaixe de palillos.

A Escola de Artes e Oficios foi tamén a sede da primeira biblioteca pública que tivo a cidade e que sería unha institución cultural de primeiro orde no Vigo das primeiras décadas do século XX.

Os momentos de maior auxe da Escola coinciden cos anos de maior impulso industrial e maiores inquietudes da cidade. A Escola representa a Vigo, forma parte desa sociedade coa que se solidariza nos acontecementos culturais, nos avances científicos, no progreso económico e social. En resumo, a historia da nosa cidade pasa polas súas aulas e polos seus documentos.

Durante o Franquismo o proxecto de Escola sufriu as súas primeiras modificacións importantes coa intención de axeitar o seu plan de estudos aos vixentes no ensino regrado.

A finais dos anos setenta o concello decidiu aproveitar a Escola e revitalizala converténdose nunha Universidade Popular no ano 1982, a adopción deste sistema fixo que o centro se constituíse nun organismo autónomo do Concello de Vigo para garantir a súa independencia e dar representación ao alumnado nos órganos de goberno. Nos inicios do século XXI o Centro permanecerá tres anos pechado nos que se levaron a cabo importantes obras de reparación.

No ano 2003, xa normalizada a situación o Concello levou a pleno a iniciativa de que o centro recuperase o seu antigo nome de Escola de Artes e Oficios, pois o funcionamento interno da Universidade Popular de Vigo nunca se axeitou ao doutras universidades populares do estado.

Dende hai algúns anos a Escola ven poñendo en práctica unha serie de cambios programáticos e organizativos encamiñados a sentar as bases da institucionalización da formación nas artes e oficios artísticos, co firme propósito de actualizala e darlle un sentido acorde coas necesidades que demanda a sociedade viguesa do século XXI.

Na actualidade as especialidades que se imparten na Escola son: Cerámica, Encadernación, Serigrafía, Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais (en tres especialidades: Instrumentos populares Galegos, Zanfona e Luthería Antiga), Moda e Cofección, Ourivería, Debuxo, Pintura, Escultura e talla na Madeira, Encaixe de Palillos e Artesanía en Coiro